
PROGRAMA EDUCATIVO
A Fundación ofrece un programa educativo vencellado ás súas exposicións que pretende levar ás aulas galegas a figura de grandes fotógrafos e impulsar deste xeito un coñecemento profundo da súa obra.
O programa, coordinado por ARTE-FACTO, un grupo de investigación educativa en procesos artísticos da Universidade da Coruña, está orientado a alumnado de todos os niveis —desde educación primara até a universidade— e adáptase a cada etapa educativa.
O proxecto desenvólvese en dúas fases: primeiro, os alumnos reciben no seu centro un dos mediadores de ARTE-FACTO (artistas contemporáneos locais especializados en disciplinas artísticas como a fotografía, o deseño gráfico, a ilustración, a pintura, a escultura ou a performance) e levan a cabo unha primeira achega ás obras. Despois, cada grupo de estudantes realiza unha visita didáctica á exposición conducida por ese mesmo artista e complétana cunha acción artística.
En cada edición, o programa involucra preto de 9000 estudantes duns 170 centros educativos de toda Galicia e máis de 500 docentes.

EDICIÓNS

Fotografismos (2024-2025)
Antes de se consolidar como un dos grandes mestres da fotografía do século XX, Irving Penn foi pintor, formación que o conduciu a desenvolver e cuñar o concepto de «fotografismo». Este termo describe a combinación de artes como o debuxo, a pintura ou a escultura con outras expresións, como o deseño gráfico ou a tipografía.

Universos newtonianos (2023-2024)
Os «universos newtonianos» permitiron aos estudantes mergullarse na estética e na escenografía do cinema. Os mozos e mozas emularon as prácticas e ferramentas de revelado analóxico, exploraron a capacidade da fotografía para contar historias e xogaron coa idea de «realidade ou ficción» propia de Helmut Newton e que serve de título para a exposición.

O ollar estético (2022-2023)
Na súa segunda edición, o programa partía da noción de «ollo estético» empregada por Steven Meisel para falar da necesidade de educar a mirada durante as primeiras etapas da vida. Nos obradoiros, os artistas convidaban o alumando a emprender unha viaxe fotográfica aos anos 90 e a explorar a moda como unha forma fundamental de expresión e identidade.

Xeración Lindbergh (2021-2022)
A primeira edición do programa educativo convidaba a descubrir a narrativa visual do recoñecido fotógrafo Peter Lindbergh. O espazo expositivo transformouse nun laboratorio de creación para o alumnado xerar as súas propias historias e novas interpretacións da obra de Lindbergh.
