22/05/2026, 17:00
Evento pasado
Dous pases. 17:00 e 19:00 h
Proxección
Marc by Sofia
Proxección do documental Marc by Sofia
Para asistir á proxección, cómpre solicitar de xeito anticipado unha das 230 prazas dispoñíbeis para cada sesión a través da páxina web da Fundación MOP a partir do mércores 20 de maio ás 11:00 h. A entrada é de balde.
O venres 22 de maio a Fundación MOP proxecta por primeira vez en España o documental Marc by Sofia (Sofia Coppola, 2025) nos seguintes horarios: 17:00 e 19:00 h.
Versión orixinal subtitulada en castelán
Sobre Marc by Sofia
Un retrato íntimo e nada convencional de Marc Jacobs creado por Sofia Coppola para capturar o xenio e o universo singular deste icónico deseñador estadounidense.
Marc Jacobs coñeceu a Sofia Coppola en Nova York a comezos dos anos noventa. O vínculo entre os dous medrou e floreceu durante esta década e até a chegada do novo milenio; un período en que ambos canalizaron a alma do seu tempo de xeitos distintos, mais profundamente vencellados. Mentres Jacobs ideaba conxuntos e estilos que marcarían a toda unha xeración de mulleres novas que medraban entre o grunge e Gossip Girl, Coppola estreaba en 1999 a súa primeira longametraxe, The Virgin Suicides: un clásico sobre a adolescencia axitada que Jacobs celebraría anos máis tarde coa súa liña Heaven.
Co cambio de século, os seus camiños estaban completamente entretecidos: Coppola converteuse na imaxe da fragrancia Daisy de Jacobs nunha campaña que contou ca fotografía de Jürgen Teller. Jacobs acadou un éxito comercial global coa súa liña Marc by Marc Jacobs, lanzada en 2001. Dous anos máis tarde, Coppola gañou o Óscar ao Mellor Guión pola súa segunda longametraxe, Lost in Translation.
Marc by Sofia representa a primeira longametraxe documental de Coppola e, malia mostrar a Jacobs traballando no seu medio natural, deseñando a súa colección prêt-à-porter Primavera 2024 e reflexionando sobre as persoas e a cultura pop que máis o influíron —desde The Supremes até As amargas lágrimas de Petra von Kant—, resulta tamén profundamente coppoliano no seu enfoque tipo colaxe para retratar a profunda e duradeira —e compartida— veneración destes dous artistas pola moda, a arte contemporánea e a cultura xuvenil.
Retrato de dúas almas afíns traballando no cumio da súa creatividade, apoiándose mutuamente durante anos e achegándose cada vez máis a través das súas paixóns compartidas, Marc by Sofia é unha encantadora e cálida homenaxe á importancia de pasar noites enteiras falando por teléfono sobre Fassbinder, Fosse e Fiorucci con esa persoa especial da túa vida que, simplemente, o entende todo.