MOP
milena-mop-ovixia-portrait-fill.png

18/07/2026, 11:00 - 05/09/2027, 11:00

Actualmente

Dúas datas: 18 de xullo e 5 de setembro

Obradoiros de escritura

Escribir con Milena Busquets

Este verán, a escritora Milena Busquets visita a Fundación MOP para impartir dous obradoiros intensivos de escritura coas temáticas Escribir sobre un mesmo (sábado 18 de xullo) e Escribir sobre o amor (sábado 5 de setembro).

Os dous obradoiros terán a mesma duración: clase de 11:00 a 14:00, xantar de 14:00 a 15:30 e clase de novo de 15:30 a 18:00. O prezo é de 150 €, xantar incluído. As 11 prazas dispoñíbeis para cada data poderán reservarse a partir do martes 7 de xullo ás 11:00.

En palabras da escritora:

«No mundo da arte, o xénero do autorretrato apareceu a principios do Renacemento. En parte, por algo tan aparentemente simple e banal como o refinamento dos espellos (de súpeto as persoas podían mirarse a si mesmas aos ollos, verse) e, en parte, por algo tan revolucionario e profundo como a decisión de que o centro do mundo xa non fose Deus, mais o home. En literatura isto acontece séculos antes. Dalgún xeito, un escritor sempre acaba por falar de si mesmo, e sempre acaba utilizando tamén a fantasía. As dúas ferramentas principais das que dispón son a memoria e a imaxinación.

E non existe ningunha experiencia, ademais da morte, tan universal coma o amor. Non hai ningún escritor verdadeiro que non se enfrontara, dalgún ou outro xeito, con este tema. Amor polos fillos, polos pais, pola parella, amor polo amor, amor-paixón, o inicio do amor, o final do amor, o amor feliz, o amor solitario, o amor pola humanidade, o amor-odio. O amor ten cen mil caras e é un tema infinito.

Nestes dous cursos falaremos de como ir do máis persoal ao máis universal e de como converter as nosas vivencias en material literario. Creo (acaso serei unha ilusa) que todo o mundo tería que escribir, aproveitar esa forza e esa liberdade incríbel que outorgan a páxina en branco ou un documento novo. En calquera formato: diarios, poemas, novelas, cartas... (Falaremos tamén do importante que é atopar o teu «formato» e a túa voz, e de como conseguilo).

Por último, gustaríame pedirvos que, se queredes (non é obrigatorio, obviamente) trouxésedes un pequeno texto escrito por vós, un par de páxinas. Sobre o que queirades, sobre o que vos apeteza e no formato que sexa. Sempre é máis útil e preciso traballar sobre algo real. No obradoiro, lerémolos e pensarémolos e, a través do traballo concreto con cada texto, descubriremos o xeito para escribir hoxe en día sobre o amor e sobre un mesmo. Dous asuntos tan difíciles como apaixonantes. ¿Non vos parece?»

Milena Busquets

image

Milena Busquets

Milena Busquets (Barcelona, 1972), escritora e xornalista española, estudou Arqueoloxía na Universidade de Londres e traballou durante unha longa etapa como directora literaria en Lumen, casa editorial fundada pola súa nai, a editora Esther Tusquets. É autora das novelas También esto pasará (2015), coa que se situou con forza inaudita no panorama cultural español e que foi traducida en máis de trinta países nalgunhas das editoriais máis senlleiras, e Gema (2021). Entre a súas obras de non ficción destacan Hombres elegantes y otros artículos (2019), Ensayo general (2024) e La dulce existencia (2025), e o diario Las palabras justas (2022). A súa derradeira publicación é Mujeres elegantes (2026).