UNHA CONVERSA ENTRE PENELOPE TREE E CATHERINE BAILEY, MODERADA POR TIM MARLOW
A modelo Penelope Tree, figura chave da moda dos anos 60 e unha das grandes musas de David Bailey, conversou nesta MOP Talk con Catherine Bailey, actual esposa do fotógrafo. Ambas compartiron vivencias sobre a súa relación persoal con Bailey, a súa experiencia posando para el ou o proceso creativo detrás das súas fotografías, entre outros temas.
O encontro estivo moderado por Tim Marlow, comisario da mostra David Bailey’s Changing Fashion.

PENELOPE TREE
Penelope naceu e foi educada en Nova York. Con dezaseis anos acudiu ao afamado baile Black and White de Truman Capote e, a mañá seguinte, Diana Vreeland, editora xefe da edición estadounidense de Vogue, pediulle facer algunhas fotos de proba con Richard Avedon. Os resultados desta sesión marcaron o comezo da súa carreira como modelo. Máis adiante traballaría en varias reportaxes emblemáticas desa revista, con Richard Avedon e con moitos outros fotógrafos, como Guy Bourdin, Cecil Beaton, Patrick Lichfield e Bert Stern. Ao ano seguinte, nunha viaxe a Londres, coñeceu a David Bailey, con quen colaborou nunha reportaxe para a edición británica de Vogue. Oito meses despois trasladouse a esa cidade para vivir con Bailey na súa casa de Primrose Hill. Traballaron e viaxaron moito xuntos durante algúns anos, pero a comezos dos anos setenta, Penelope viuse obrigada a deixar a modelaxe debido a unha enfermidade da pel, e en 1973 separouse de Bailey.
En 1978 casou co músico Ricky Fataar. En 1980 naceu a súa filla Paloma e trasladáronse a vivir a Sydney, Australia, onde Penelope traballou como reporteira para un programa televisivo chamado Extra dimensions, así como educadora perinatal. O seu fillo Michael naceu en 1989. Dous anos despois, coñeceu o Dalai Lama e, posteriormente, comezou a estudar budismo. En 1998 regresou onda a súa familia ao Reino Unido e instalouse en Londres. Penelope escribiu artigos para as edicións británica e estadounidense de Vogue, para Harper's & Queen e para o Financial Times, e en 2024 publicou a súa primeira novela, Piece of my heart, publicada por Moonflower Books.
Participou na xunta directiva da ONG Lotus Outreach International durante vinte e tres anos e, xa feitos os 70 anos, retomou a súa carreira como modelo. Traballou con Steven Meisel en dúas campañas para Zara, con Juergen Teller para Vivienne Westwood e con Cathy Kasterine para Marfa Stance, ademais de desfilar para Fendi, Valentino e Richard Quinn.
Actualmente vive en West Sussex, O Reino Unido.