luns a xoves de 10 a 21 horas
venres: 10 a 22 horas
sábado e domingo: 11 a 21 horas
Os beneficiarios da segunda edición deste programa son tres estudantes galegos recentemente titulados en Artes Plásticas e Deseño en Fotografía. Umesh Graña, Alba Jiménez e Sofía Taboada gozaron dunha residencia artística en Milán con foco en fotografía de moda, deseñada especificamente para eles pola prestixiosa Fondazione Sozzani.
Durante os seus meses de estancia en Italia, recibiron unha intensa formación (clases maxistrais, talleres, visitas culturais) e desenvolveron un proxecto artístico propio guiados por titores con experiencia moi relevante no sector. A exposición colectiva Future Stories mostra os froitos destes proxectos.
A Fundación MOP naceu en 2022 con dúas prioridades: expoñer regularmente en Galicia a obra dos fotógrafos de moda máis importantes do mundo e dotar esta actividade dunha vertente educativa que servise de apoio e inspiración ás futuras xeracións de artistas galegos. Dentro desta faceta, Future Stories é o proxecto co que cada ano acompañamos nos seus primeiros pasos na fotografía profesional unha selección de estudantado que se acaba de titular: primeiro, ofrecéndolles, en colaboración coa prestixiosa Fondazione Sozzani, unha formación do máis alto nivel en fotografía de moda; despois, levando a súa obra ao mesmo espazo no que o público puido desfrutar anteriormente de Peter Lindbergh, Steven Meisel e Helmut Newton, o Centro MOP no Muelle de Batería da Coruña.
Durante os seus tres meses de estadía na sede de Milán da Fondazione Sozzani, Umesh Graña, Alba Jiménez e Sofía Taboada recibiron os coñecementos e as ferramentas precisas para seren quen de explotar o seu talento como fotógrafos e crear tres proxectos persoais únicos. Agora presentámolos na exposición Future Stories (13 de xuño–31 de xullo de 2024) e mais neste catálogo. Estou certa de que este é só o primeiro soño cumprido da longa carreira creativa que teñen por diante.
Despois de anos vivindo no mundo da moda e a fotografía, é un privilexio poder compartir coñecementos cunha nova xeración de talentos. Durante este programa conxunto de The MOP Foundation e Fondazione Sozzani, Alba Jiménez, Sofía Taboada e Umesh Graña desenvolveron o dominio da linguaxe visual e perfeccionaron o seu propio estilo mediante a concepción e creación dun proxecto impreso único.
O libro de Jiménez Glossy stems from an innate need for water é unha reflexión que nace da súa paixón por comprender o misterio da luz a partir do estudo da auga. O concepto e experimentación de Taboada levan o seu traballo máis aló da práctica técnica e teórica para acadar un impacto emocional que queda reflectido na súa publicación It’s quite a starry place. O libro Mixed feelings de Umesh é o resultado da súa dedicación e inmersión no mundo da fotografía (dende a súa historia até a súa técnica e concepto), así como da súa constante investigación.
Chegar a entender en que consiste dominar todas as facetas da arte da fotografía permitiulle a cada un deles encaixar o seu punto de vista propio e único nestes proxectos. A creación dunha obra empregando estas técnicas que veñen de adquirir potenciará o seu desexo de seguiren avanzando coas súas visións persoais no futuro.
A colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Fundación MOP supón unha oportunidade única para o alumnado que cursa o ciclo superior de Fotografía nas catro Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia.
Esta primeira edición do catálogo Future Stories, preséntase como unha lanzadeira do traballo realizado por Umesh Graña, Alba Jiménez e Sofía Taboada, estudantes das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia, que, grazas a esta colaboración, dan o seu primeiro paso como profesionais da fotografía de moda.
Agardamos que sexa o comezo dunha gran carreira artística chea de éxitos.
talentos emerxentes