Helmut Newton Fact & Fiction

Helmut Newton Fact & Fiction

Helmut Newton Fact & Fiction

información

HELMUT NEWTON - FACT & FICTION

A partir do 18 de novembro, o centro MOP será o escenario dunha gran exposición dedicada á vida e a obra do lendario fotógrafo xermano-australiano Helmut Newton (1920-2004). Helmut Newton - Fact & Fiction, un fito no calendario artístico deste outono, poderá visitarse ata o 1 de maio de 2024.

Seguindo o ronsel das mostras dedicadas a Peter Lindbergh e Steven Meisel, Helmut Newton - Fact & Fiction é a terceira exposición promovida pola Fundación MOP. Esta nova mostra é un proxecto impulsado en estreita colaboración coa Fundación Helmut Newton e comisariado por Philippe Garner, Matthias Harder e Tim Jefferies.

Ao longo das súas seis décadas de carreira, Helmut Newton chegou a ser considerado un dos fotógrafos máis importantes do mundo. Prolífico creador de imaxes e auténtico visionario, segue exercendo hoxe en día unha gran influencia na fotografía moderna e nas artes visuais.

A exposición conta a historia do home detrás da obra a través de vídeos nos que se amosa a Newton traballando e conversando; imaxes persoais que axudan a entender a súa infancia, a súa carreira e a súa relación coa súa dona, June, xunto con outros documentos, pósteres, cámaras e equipo, atrezo, artefactos intrigantes e recordos.

A selección de fotografías de moda e lifestyle que conforma a exposición é unha boa mostra da linguaxe visual audaz, empoderador e sen complexos característico de Newton, incluídos os seus icónicos “grandes espidos” e os inesquecibles retratos de personaxes excepcionais como Andy Warhol, David Bowie, Margaret Thatcher, Charlotte Rampling, Elsa Perretti, Daryl Hannah, Jerry Hall, Naomi Campbell, Yves Saint Laurent e Karl Lagerfeld.

Como contrapunto ás súas famosas imaxes de moda e estilo, amósanse exemplos das «Paisaxes» de Newton, menos coñecidas: evocadoras instantáneas de lugares que calaron nel, desde París a Los Angeles, de Montecarlo a Berlín, de Viena a Las Vegas, e que tamén reflicten a atmosfera tan especial de Coruña, a cidade onde se celebra a exposición.

Marta Ortega dixo: «Helmut Newton pertence a ese grupo celestial de fotógrafos cuxas imaxes son inmediatamente recoñecibles. Newton revolucionou o retrato feminino nas revistas de moda. Aquí estaban as mulleres que gozaban do estilo e da moda, do poder e esplendor dos seus corpos, mulleres elegantes, sedutoras e intocables. As súas fotografías adiantáronse ao seu tempo e el sentou as bases para os fotógrafos que o seguiron. É todo un privilexio poder traballar con fotógrafos cuxas instantáneas admirei durante moito tempo. Fágoo non só coa ambición de enriquecer a vida cultural da Coruña, senón tamén coa esperanza de que as futuras xeracións de creadores e creadoras de imaxes atopen inspiración no traballo destes extraordinarios fotógrafos».

VISITE A WEB DA EXPOSICIÓN

SOBRE O ARTISTA

Helmut Newton

Helmut Newton

Como célebre e respectado fotógrafo, Newton recibiu en Francia el Grand Prix National de la Photographie (Gran Premio Nacional de Fotografía) e a Großes Verdienstkreuz (Gran Cruz do Mérito) da República Federal de Alemaña, e foi nomeado Oficial das Artes, as Letras e as Ciencias en Mónaco e Comandante da Orde das Artes e as Letras polo Ministerio de Cultura de Francia.

Igual que Norman Parkinson, Richard Avedon e Irving Penn, Newton converteuse nun dos fotógrafos máis influentes e con máis talento de Vogue. É posible que a súa dona e patrocinadora, June, quen creou unha carreira de seu como fotógrafa baixo o seudónimo de April Springs, fose o seu maior apoio.

O traballo de Newton expúxose e publicouse en todo o mundo. A preservación e presentación da súa obra está xestionada pola Fundación Helmut Newton en Berlín, fundada polo mesmo Newtonen 2003.